segunda-feira, 28 de dezembro de 2015

HOMENAGEM A PANCHO

O Colectivo Terra organiza unha homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”, heroe eumés da resistencia antifascista, que vai ter lugar o vindeiro xoves 31 de decembro ás 12:00 no cemiterio de Meá, Mugardos.
Francisco Martínez Leira “Pancho” naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954. Cando Rey Balbís se exilia a Francia, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho atinxiu a categoría de mito. O compromiso de máis de 600 guerrilleiros e de 5000 enlaces demostra que Galiza non era unha terra submisa nin adicta ao Réxime. A pesar de tentaren ocultar o mellor da nosa historia, non o conseguen.
Rematada a guerra, Pancho entrou como carpinteiro de grada na Construtora Naval de Ferrol. Participou na organización da primeira protesta obreira de Galiza despois do golpe de estado de 1936, que será coñecida como a Folga do Aceite. Incorporouse á guerrilla a comezos do 1948 por temor á onda de detencións masivas consecuencia do labor dun infiltrado policial nas redes clandestinas de Ferrolterra. Con el marcharon os mugardeses Juan Gallego Abeledo “O Buzo” e Manuel Bastida Franco “Choni”.
Pancho participou en toda canta acción desenvolveu a IVª Agrupación Pasionaria e o Partido Comunista: elaboración e distribución de propaganda, enfrontamentos armados nos que morreron dous falanxistas e tres gardas, caracterizados represores. Optando o PC pola anulación da guerrilla galega, en 1950 e 1951 Pancho rexeitou marchar a Francia e mantivo o seu activismo antifranquista: reparto de propaganda en abril, maio e outubro de 1952, 1953, 1954, asaltos a dereitistas, enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous ficaron feridos.
Nese tempo, sendo Pancho o último guerrilleiro activo, a presión policial sobre a pequena rede de enlaces que o axudaban era enorme, de xeito que entre 1953 e 1954 foron descubrindo os tobos nos que se agachaba. Foi ferido de gravidade na noite do 19 de outubro do 1954 en Cornido, A Faísca, Narón. Dous gardas civís disfrazados como xornaleiros estiveron a esperar por el e o 31 de decembro de 1954 dúas descargas de subfusil deron cabo á súa vida no lugar d’A Mediña, Ombre, Pontedeume.

quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

VEN O APALPADOR

O Apalpador sobreviviu na memoria dos habitantes máis anciáns das montañas do Courel, aillado de tradicións importadas, baseadas máis recentemente no materialismo e o consumismo. 
O Apalpador é un vello bonachón, de barbas vermellas e de oficio carboeiro. No Nadal, baixa das altas montañas ás aldeas para entrar sen facer ruido nos cuartos das máis pequenas. Despois de palparlles a barriguiña e comprobar que están ben mantidas, deséxalles que o vindeiro ano non pasen fame. Como agasallo de Nadal déixalles unha boa presa de castanas asadas. O Apalpador é home sabio e non ignora que houbo un tempo en Galiza no que a castana foi o sustento principal e alimento moi prezado, porque esta tradición que agora agroma con forza transpórtanos ao realismo máxico dunha terra rica en lendas, pero tamén a unha época de aillamento e miseria. O feito de que o Apalpador palpase as barrigas para comprobar se as crianzas estaban ben alimentadas fai pensar na escaseza de comida e nas duras condicións de vida da época. E precisamente iso é o que máis conmove, a emoción que espertaba o agasallo dunha simple presa de castanas, o valor que tiña algo tan esencial como a comida. 
Sabemos que estes días son de moito traballo para o Apalpador, pero fixo por nos visitar e estará no Colectivo Terra o vindeiro domingo 27 de decembro, onde fará un pequeno espectáculo de maxia e presentará ao grupo Palitroke, un serán de festas para crianzas e maiores.
A entrada é de balde e comezaremos ás 18:00h. Non faltedes!
Documental sobre a lenda do Apalpador elaborado pola Gentalha do Pichel:
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk

segunda-feira, 7 de dezembro de 2015

TREME A TERRA

Volve o Treme a Terra!!!
Despois duns anos de silencio, este ano volveremos a disfrutar do Festival Treme a Terra. 
Como sabedes, este festival tivera que deixarde realizarse polo boicot institucional ao que se viu sometido por parte do goberno do PP. Non sen dificultades,e cun formato diferente, este ano queremos poñer un primeiro chanzo a recuperación deste histórico festival que este ano cumple a súa XVI edición. 
Debido á precariedade económica non imos poder facelo no exterior, polo que teremos que gozar das artistas nun espazo pechado. Finalmente o recinto escollido foi a Sala Coliseo.
Esta edición quixemos facela en chave feminina e feminista. 
Comezaremos coa presentación do proxecto Fiadeiras e do seu traballo Machismos: de micro nada.Será ás 19:30  na mesma sala.
Despois da presentación e arredos das 21:00 comezaremos coa música. Tócalle abrir a Sofía Espiñeira, cantautora mugardesa que gañou o II Concurso decanción de autor en galego do concello de Teo.
A continuación subirán ao escenario Uxía e Narf que estarán acompañados de Luiz Caracol.
Pecharemos o concerto coa enerxía de The Tetas´Van
Agardámosvos no Coliseo o próximo sábado 12 de decembro!!!