quinta-feira, 16 de junho de 2016

ACTIVIDADES FIN DE SEMANA

Esta fin de semana temos dúas citas no Terra. A primeira o sábado con Paula Carballeira, que repite connosco. Desta volta argallamos unha Gastrofesta na que presentará o seu monólogo ‘Os contos que non me contaron’. Sábado 18 ás 21:00h no local do Colectivo (Boa Vista, 8). Logo de sobremesa, ensaladilla!
Para o domingo contaremos no Terra con Cé Orquestra Pantasma e o seu espectáculo “Fíos do querer”, desenhado para crianzas de ata tres anos. Organizámolo en colaboración con Semente. Domingo 19 ás 18:00h na CASA DA CULTURA.
Agardamos por vos!

quarta-feira, 6 de abril de 2016

PEQUEFESTAS DO TERRA

O Domingo 10 de abril contaremos no terra coa actuación de FRAN AMIL que ven a presentar o seu disco 'A VOZ DO VENTO', unha homenaxe a Manuel María, recoñecido poeta e incansábel activista a prol da lingua a quen este ano se lle adican as Letras Galegas. Será ás 17:30h no local do Colectivo Terra. Agardamos por vos!

GASTROFESTA SOLIDARIA

O vindeiro sábado 9 de abril argallamos unha nova Gastrofesta co fin de prestar axuda na medida das nosas posibilidades ás refuxiadas que cada día tentan atravesar as fronteiras de Europa.
Levaremos a cabo un pequeno festival con maxia, música e contos onde os beneficios da barra e da cea (menú árabe a base de hummus, falafel e harise) irán destinados de xeito íntegro á Asociación Causas Comúns.
Dúas crianzas morren ao día tentando chegar ás costas de Europa. Pode soar simple, pero a foto de Aylan, o meniño sirio que nos sobrecolleu a todas, non é consecuencia dunha crise migratoria. Esta traxedia é consecuencia directa do sistema capitalista. Siria, último Estado que levantou (con erros e acertos) as bandeiras do nacionalismo árabe, que non ten débeda externa con organismos internacionais, rico en recursos naturais e, casualidade, que defende a causa palestina, é agora o epicentro das políticas de exterminio desenroladas por EEUU, o Sionismo e a OTAN. 
Fotografías como idioma universal. Gabriel Tizón e Rocío Botana ofrecerán un coloquio-exposición fotográfica que nos transportará ás fronteiras de arame de espiño que está construindo Europa. O imperialismo queda retratado unha vez máis neste drama. Lembrade o inicio de todo. O punto de partida. Por exemplo, un serán nas Azores. A fotografía. Idioma universal.
Dende as 19:00 horas no local do Colectivo Terra. Boa Vista, 8. Pontedeume

quinta-feira, 10 de março de 2016

OBRADOIRO DE BAILE

Música e baile coma expresións culturais dun pobo. O baile é a nosa tradición, reflexo da nosa historia, unha linguaxe universal. Dende tempos inmemoriais existe o baile tradicional coma manifestación artística propia do noso pobo. Hoxe en día son varias as agrupacións da bisbarra que tentan colaborar na súa difusión e conservación, coma o caso de Airiños do Eume. Desta volta programamos conxuntamente un obradoiro de iniciación ao baile tradicional. Será este sábado 12 de marzo no local do Colectivo Terra (Boa Vista, 8), dende as 18:00 horas e terá unha duración de tres horas. Haberá música en directo e o custo será de 10 euros por persoa. Está encamiñado a tódolos públicos dende os 12 anos. 
Para apuntarte ponte en contacto co número 696 555 997 ou no correo colectivoterra@gmail.com.
Non o podedes perder! Agardamos verte!