quinta-feira, 16 de junho de 2016

ACTIVIDADES FIN DE SEMANA

Esta fin de semana temos dúas citas no Terra. A primeira o sábado con Paula Carballeira, que repite connosco. Desta volta argallamos unha Gastrofesta na que presentará o seu monólogo ‘Os contos que non me contaron’. Sábado 18 ás 21:00h no local do Colectivo (Boa Vista, 8). Logo de sobremesa, ensaladilla!
Para o domingo contaremos no Terra con Cé Orquestra Pantasma e o seu espectáculo “Fíos do querer”, desenhado para crianzas de ata tres anos. Organizámolo en colaboración con Semente. Domingo 19 ás 18:00h na CASA DA CULTURA.
Agardamos por vos!

quarta-feira, 6 de abril de 2016

PEQUEFESTAS DO TERRA

O Domingo 10 de abril contaremos no terra coa actuación de FRAN AMIL que ven a presentar o seu disco 'A VOZ DO VENTO', unha homenaxe a Manuel María, recoñecido poeta e incansábel activista a prol da lingua a quen este ano se lle adican as Letras Galegas. Será ás 17:30h no local do Colectivo Terra. Agardamos por vos!

GASTROFESTA SOLIDARIA

O vindeiro sábado 9 de abril argallamos unha nova Gastrofesta co fin de prestar axuda na medida das nosas posibilidades ás refuxiadas que cada día tentan atravesar as fronteiras de Europa.
Levaremos a cabo un pequeno festival con maxia, música e contos onde os beneficios da barra e da cea (menú árabe a base de hummus, falafel e harise) irán destinados de xeito íntegro á Asociación Causas Comúns.
Dúas crianzas morren ao día tentando chegar ás costas de Europa. Pode soar simple, pero a foto de Aylan, o meniño sirio que nos sobrecolleu a todas, non é consecuencia dunha crise migratoria. Esta traxedia é consecuencia directa do sistema capitalista. Siria, último Estado que levantou (con erros e acertos) as bandeiras do nacionalismo árabe, que non ten débeda externa con organismos internacionais, rico en recursos naturais e, casualidade, que defende a causa palestina, é agora o epicentro das políticas de exterminio desenroladas por EEUU, o Sionismo e a OTAN. 
Fotografías como idioma universal. Gabriel Tizón e Rocío Botana ofrecerán un coloquio-exposición fotográfica que nos transportará ás fronteiras de arame de espiño que está construindo Europa. O imperialismo queda retratado unha vez máis neste drama. Lembrade o inicio de todo. O punto de partida. Por exemplo, un serán nas Azores. A fotografía. Idioma universal.
Dende as 19:00 horas no local do Colectivo Terra. Boa Vista, 8. Pontedeume

quinta-feira, 10 de março de 2016

OBRADOIRO DE BAILE

Música e baile coma expresións culturais dun pobo. O baile é a nosa tradición, reflexo da nosa historia, unha linguaxe universal. Dende tempos inmemoriais existe o baile tradicional coma manifestación artística propia do noso pobo. Hoxe en día son varias as agrupacións da bisbarra que tentan colaborar na súa difusión e conservación, coma o caso de Airiños do Eume. Desta volta programamos conxuntamente un obradoiro de iniciación ao baile tradicional. Será este sábado 12 de marzo no local do Colectivo Terra (Boa Vista, 8), dende as 18:00 horas e terá unha duración de tres horas. Haberá música en directo e o custo será de 10 euros por persoa. Está encamiñado a tódolos públicos dende os 12 anos. 
Para apuntarte ponte en contacto co número 696 555 997 ou no correo colectivoterra@gmail.com.
Non o podedes perder! Agardamos verte!

quarta-feira, 2 de março de 2016

PEQUEMÚSICAS DO TERRA

Pequemúsicas de grandes artistas da Terra, con este novo ciclo organizado polo Colectivo Terra en colaboración con Semente Trasancos, queremos que gocedes, bailedes e cantedes na nosa lingua c@s vos@s cativos e cativas.
Comezamos este domingo 6 de Marzo na Sala Coliseo de Pontedeume, cun dos mellores compositores do país, Magín Blanco, autor de “A nena e o grilo”, “A nena e o grilo nun barquiño”, “Gatuxo” e “Canta o cuco” coa grande Uxía Senlle, entre outros, é un dos nosos autores máis prolíficos e mellor valorados. Aquí xoga na casa, posto que ven acompañado dunha Eumesa moi coñecida, María Faltri e  polo músico Jorge Juncal.
Non volo perdades!!!!

quarta-feira, 17 de fevereiro de 2016

NOVA GASTROFESTA

Continuamos coas Gastrofestas do Terra, unha actividade onde a música e a comida do País son as protagonistas. 
O caldo non é unha simple receita dun prato típico. A súa historia é a do pobo galego. Na terra dos minifundios onde durante séculos padecimos unha pobreza xeralizada, sempre se combateu a fame con caldo. Na casa do pobre facíase a base de patacas, fabas, grelos e unto, productos doados de conseguir para quen podía manter un pedaciño de horta. Pura melodía nestes tempos de friaxe. Será unha noite onde queceremos corpo e espírito. A música virá da man de Sofía Espiñeira, que encherá o local cos acordes do seu disco "Alá onde agroman as herbas", unha auténtica obra de arte. 
Agardamos por vos no local do Colectivo Terra (Boa Vista, 8 - Pontedeume) o sábado 20 de febreiro ás oito e media da tarde. Abriremos as portas ás oito e a que non queira caldo, cunca e media! Entrada de balde

quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

GASTROFESTAS NO TERRA




O Colectivo Terra presenta un novo ciclo de actividades onde a comida e a música serán as protagonistas. Iniciamos así unha serie de concertos cun trasfondo gastronómico onde degustaremos as receitas máis tradicionais da nosa cociña ao tempo que desfrutamos da música do País.
Nesta primeira xornada os protagonistas nons fogóns serán os callos, símbolo gastronómico das nosas festas e o exemplo máis claro e rotundo de que, por moitas prédicas globalizadoras que se fagan en prol da dieta mediterránea, non che hai patrón en Galiza que non comece cunha boa cunca de callos. Pero antes, os encargados de encher de son o local do Terra serán SANJURJO & DOPICO, apoteósico dueto formado por Martín Sanjurjo (Saraibas, Balakandra) e Manolo Dopico (A Roda, Leixaprén, Balakandra), unindo forzas neste novo proxecto acústico, no que revisitan cancións das súas bandas e versionan clásicos que xa forman parte da historia da canción galega.
Sábado 23 de xaneiro. Apertura de portas 20:00h. Concerto 20:30h.

segunda-feira, 28 de dezembro de 2015

HOMENAGEM A PANCHO

O Colectivo Terra organiza unha homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”, heroe eumés da resistencia antifascista, que vai ter lugar o vindeiro xoves 31 de decembro ás 12:00 no cemiterio de Meá, Mugardos.
Francisco Martínez Leira “Pancho” naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954. Cando Rey Balbís se exilia a Francia, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho atinxiu a categoría de mito. O compromiso de máis de 600 guerrilleiros e de 5000 enlaces demostra que Galiza non era unha terra submisa nin adicta ao Réxime. A pesar de tentaren ocultar o mellor da nosa historia, non o conseguen.
Rematada a guerra, Pancho entrou como carpinteiro de grada na Construtora Naval de Ferrol. Participou na organización da primeira protesta obreira de Galiza despois do golpe de estado de 1936, que será coñecida como a Folga do Aceite. Incorporouse á guerrilla a comezos do 1948 por temor á onda de detencións masivas consecuencia do labor dun infiltrado policial nas redes clandestinas de Ferrolterra. Con el marcharon os mugardeses Juan Gallego Abeledo “O Buzo” e Manuel Bastida Franco “Choni”.
Pancho participou en toda canta acción desenvolveu a IVª Agrupación Pasionaria e o Partido Comunista: elaboración e distribución de propaganda, enfrontamentos armados nos que morreron dous falanxistas e tres gardas, caracterizados represores. Optando o PC pola anulación da guerrilla galega, en 1950 e 1951 Pancho rexeitou marchar a Francia e mantivo o seu activismo antifranquista: reparto de propaganda en abril, maio e outubro de 1952, 1953, 1954, asaltos a dereitistas, enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous ficaron feridos.
Nese tempo, sendo Pancho o último guerrilleiro activo, a presión policial sobre a pequena rede de enlaces que o axudaban era enorme, de xeito que entre 1953 e 1954 foron descubrindo os tobos nos que se agachaba. Foi ferido de gravidade na noite do 19 de outubro do 1954 en Cornido, A Faísca, Narón. Dous gardas civís disfrazados como xornaleiros estiveron a esperar por el e o 31 de decembro de 1954 dúas descargas de subfusil deron cabo á súa vida no lugar d’A Mediña, Ombre, Pontedeume.

quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

VEN O APALPADOR

O Apalpador sobreviviu na memoria dos habitantes máis anciáns das montañas do Courel, aillado de tradicións importadas, baseadas máis recentemente no materialismo e o consumismo. 
O Apalpador é un vello bonachón, de barbas vermellas e de oficio carboeiro. No Nadal, baixa das altas montañas ás aldeas para entrar sen facer ruido nos cuartos das máis pequenas. Despois de palparlles a barriguiña e comprobar que están ben mantidas, deséxalles que o vindeiro ano non pasen fame. Como agasallo de Nadal déixalles unha boa presa de castanas asadas. O Apalpador é home sabio e non ignora que houbo un tempo en Galiza no que a castana foi o sustento principal e alimento moi prezado, porque esta tradición que agora agroma con forza transpórtanos ao realismo máxico dunha terra rica en lendas, pero tamén a unha época de aillamento e miseria. O feito de que o Apalpador palpase as barrigas para comprobar se as crianzas estaban ben alimentadas fai pensar na escaseza de comida e nas duras condicións de vida da época. E precisamente iso é o que máis conmove, a emoción que espertaba o agasallo dunha simple presa de castanas, o valor que tiña algo tan esencial como a comida. 
Sabemos que estes días son de moito traballo para o Apalpador, pero fixo por nos visitar e estará no Colectivo Terra o vindeiro domingo 27 de decembro, onde fará un pequeno espectáculo de maxia e presentará ao grupo Palitroke, un serán de festas para crianzas e maiores.
A entrada é de balde e comezaremos ás 18:00h. Non faltedes!
Documental sobre a lenda do Apalpador elaborado pola Gentalha do Pichel:
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk

segunda-feira, 7 de dezembro de 2015

TREME A TERRA

Volve o Treme a Terra!!!
Despois duns anos de silencio, este ano volveremos a disfrutar do Festival Treme a Terra. 
Como sabedes, este festival tivera que deixarde realizarse polo boicot institucional ao que se viu sometido por parte do goberno do PP. Non sen dificultades,e cun formato diferente, este ano queremos poñer un primeiro chanzo a recuperación deste histórico festival que este ano cumple a súa XVI edición. 
Debido á precariedade económica non imos poder facelo no exterior, polo que teremos que gozar das artistas nun espazo pechado. Finalmente o recinto escollido foi a Sala Coliseo.
Esta edición quixemos facela en chave feminina e feminista. 
Comezaremos coa presentación do proxecto Fiadeiras e do seu traballo Machismos: de micro nada.Será ás 19:30  na mesma sala.
Despois da presentación e arredos das 21:00 comezaremos coa música. Tócalle abrir a Sofía Espiñeira, cantautora mugardesa que gañou o II Concurso decanción de autor en galego do concello de Teo.
A continuación subirán ao escenario Uxía e Narf que estarán acompañados de Luiz Caracol.
Pecharemos o concerto coa enerxía de The Tetas´Van. 
Agardámosvos no Coliseo o próximo sábado 12 de decembro!!!

terça-feira, 10 de novembro de 2015

UN CONTO AO REVÉS

O próximo domingo día 15 ás 18:00, estará no Terra a lambetada máis doce que está a facer as delicias de nen@s, Chuches Amil.
Un conto ao revés é o primeiro traballo para o público "pequeno" do músico e compositor coruñes Fran amil. Membro de grupos como Os Tres trebóns ou Ulträqäns, Fran mergúllase no universo infantil con este libro-cd. Unha xoia para grandes e pequen@s.

quarta-feira, 28 de outubro de 2015

VII XORNADAS MICOLÓCICAS E CONCERTO DE ABRENOITE NO TERRA




Programa das VII Xornadas micolóxicas:

Venres 30 de outubro
- 10:00 h. Pola mañá iremos a recolectar diferentes tipos de cogomelos para realizar a primeira exposición das xornadas. Saída dende a Casa da Estación- 17:30 h. Preparación da exposición e clasificación de cogomelos- 19:30 h. Introdución o mundo da micoloxía e visita guiada pola exposición
Sábado 31 de outubro
09:30 h. Saída a Serra do Forgoselo para calsificar cogomelos dende a Casa da Estación14:30 h. Xantar micolóxico no Bar Trasteiro17:00 h. Palestra a cargo de Jose María Costa Lago, "Das utilidades dos poliporos", Asociación Micolóxica PAN DE RAPOSO 
IntroduciónO término Poliporo é unha especie de caixón de xastre que da acollida a preto dun milleiro de especies de cogomelos que, ordenados en distintos xéneros, familias e ordes, constitúen unha sistemática tan complexa coma variable pola súa constante revisión. 
19:00 h. Palestra sobre a problemática do eucalipto
21:00 h. Concerto de ABRENOITE no local do Colectivo Terra

Domingo 1 de novembro

9:30 h. Ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume para clasificar cogomelos.
13:00 h. Xantar micolóxico no Restaurante Andarubel

CSO Casa da Estación (Avda. Ferrol, 71)
Colectivo Terra (Boa Vista, 8)

Máis información e inscricións no tlf. 669497621

unha aperta

quarta-feira, 2 de setembro de 2015

EXPO SOLIDARIA CO POBO NEPALÍ

 Despois do éxito do Festival solidario co Nepal que transcorreu en Pontedeume o 29 de Maio, dende o Colectivo Terra queremos seguir a apoiar co noso traballo a labor que a OND Dididai desenvolve en Katmandú. Desta vez, montando unha exposición solidaria do reporteiro Dani Arias. Nesta exposición, Dani amósanos unha serie de fotografías relizadas na súa viaxe a katmandú no 2011. 
   A exposición estará instalada no Bar Fubolín de Pontedeume ate finais de setembro, e as fotografías poderánse adquirir a un prezo de 50€ que (descontando o prezo da copia ) irán destinados íntegramente a ONG Dididai. 
  Deixámosvos cun texto do autor.
  Saúde.

   Cheguei a Kathmandu na primavera do 2011. Fíxeno despois de atravesar boa parte da India, sufrir unha folga de pilotos, facer 700 kilómetros extra por estradas, que en moitas ocasións, non semellaban estradas, e cruzar a moi caótica e cinematográfica fronteira entre a India e o Nepal.
Afortunadamente, o primeiro co que te agasalla Kathmandu (a partires de aquí, referireime sempre a ela en presente, coido que como unha maneira de reafirmala, precisamente ante todo o que lles está tocando vivir), é a súa paz e a armonía da súa xente. Máis alá do balbordo (ao fin e o cabo, é unha cidade asiática...), a atmósfera entre sagrada e medieval dos seus templos e pazos semella esvaecer allea ao tempo,chea, preguiceira e maxestuosa. E envólveo todo. E a todos. Aos milleiros de peregrinos que visitan o templo de Pasupatinath, aos saddus que se agrupan a carón del e viven nas suas covas, aos monxes, comerciantes, estudantes e nenos, ás familias que realizan cremacións nas beiras do río sagrado Bagmati as 24 horas do día, aos fieis que acoden, previa ascensión dos 300 chanzos, ao chamado “Templo dos macacos”, a estupa de maior antigüedade con máis de 2000 anos de historia, aos crentes que dan 108 voltas arredor da gran estupa para acumular méritos, e aos non crentes, á Kumari Devi ou nena/deusa vivinte, que puiden ver nun só intre case imaxinado (só sae do pazo un par de veces ao ano), ou á vendedora ambulante que subiu todas as escalinatas dun dos seus templos para agasallarme co seu sorriso, en troques do meu. Imposibel esquecer.
Absolutamente todo en Kathmandu evócame un algo lonxano e misterioso que, ao mesmo tempo, resulta familiar. Supoño que o segredo, claro, está nelas, nas persoas, cuxa pausa e tranquilidade nos envolve sen que apenas, nos decatemos diso.
Suavemente.
 Ogallá poidamos devolverlles, cando menos un anaco, de tantísima paz.
                                                       Dani Arias

domingo, 12 de julho de 2015

FESTA DA PATRIA

O Colectivo Terra organiza a Festa da Patria o vindeiro sábado 18 de xullo. Será no patio da Casa da Cultura de Pontedeume dende as 20:00h. 
Abriremos o serán coas historias do contacontos Celso Sanmartín. Coma el di, horas era que as nosas cabezas deixaran de ser, no pretender de alguén, secas cabezas, trofeos de caza, para ser cabezas que soporten o peso do ceo. Deseguido, Xurxo Souto presentará o seu libro Contos do Mar de Irlanda, onde rememoraremos mediante a música a épica dos mariñeiros galegos que máis aló do paralelo 48 percorreron os camiños do mar. Remataremos a sesión coa parte aínda máis festeira da noite, que será o concerto de Os Tres Trebóns, treboada bravú que axudará a queimalas brochetas galegas a base de zorza, raxo e chourizos que poderás desfrutar durante a festa.
A entrada é de balde, pero para facer máis doada a organización do evento, pedimos que te anotes no correo colectivoterra@gmail.com
Os temporais renden as súas colleitas na costa do país. Desta volta a creba foi unha estrela vermella. Saúde, Terra e Océano!

terça-feira, 30 de junho de 2015

O REINO MEDIEVAL DE GALIZA

Dende o Colectivo Terra queremos dar a coñecer unha parte moi importante da nosa historia negada, silenciada, desprezada,... pola historiografía española. Que Galiza tivo leis antes que Castela Reis é un feito ainda descoñecido para gran parte do noso pobo, así como que o Reino (Suevo) da Galiza é considerado por moit@s historiadoras/es com o primeiro reino europeo.
Para intentar aportar máis luz sobre a nosa historia, o próximo sábado 4 de Xullo Anselmo López Carreira impartirá ás 12:00 na Casa da cultura unha charla sobre o "Reino  medieval da Galiza".

quarta-feira, 3 de junho de 2015

PRESENTACIÓN NO TERRA

Este venres 5 de xunho ás 20:30hs, @s compañeir@s de Unión Libertaria presentarán no local a tradución ao galego das obras de Errico Malatesta "Fra contadini" ("Entre campesiños") e "Al caffè" ("No café").

terça-feira, 26 de maio de 2015

FESTIVAL APOIO AO POVO NEPALÍ

Diversos colectivos sociais, culturais e deportivos da vila, a asociación de comerciantes UCOA e numerosas persoas a título particular, programamos para o vindeiro venres 29 de maio un festival solidario no que se recadarán fondos para a ONG Dididai, que traballa nun orfanato en Katmandú
O certame, que se celebrará dende as catro da tarde na praza do Conde, comezará con obradoiros encamiñados a dar a coñecer instrumentos musicais menos habituais, como as tarrañolas ou o birimbao. Tamén haberá tempo para instrumentos máis recoñecidos e mesmo non faltarán os ritmos de batucada, que darán paso a unha sucesión de concertos nos que xa hai confirmados once grupos de distintos estilos, como Cantareiras de Orballo,  Airiños do Eume, Huella, The Pyjamas, Tributo a Maná, Debosses, a Diestro y Siniestro, Superglú, Rueda Fortuna, Big Band Theory e a Nepal Band, formada para a ocasión.Durante os concertos poderemos disfrutar dunha paellada popular. Implicáronse tamén nesta iniciativa solidaria numerosos comercios da vila, aportando diversos productos dos seus escaparates para que se faga un sorteo durante os descansos dos concertos, nos que ademais varios artistas subastarán obras da súa autoría.
O que se recade durante o festival destinarase de xeito íntegro á ONG Dididai, que traballa no orfanato de Bal Mandir, en Katmandú, o centro de acollida máis grande do Nepal que quedou parcialmente derruido tralo tremor de terra que asolou o país o 25 de abril. Alí atenden a nenas e nenos desfavorecidos, especialmente a aqueles que teñen algún tipo de diversidade funcional.

quinta-feira, 21 de maio de 2015

ALDAOLADO CON "SEMPRE EN IBIZA"

Non podedes perder o novo traballo de Aldalao o sábado 30  ás 21:00 no Terra!!!
“Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético  de María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

segunda-feira, 18 de maio de 2015

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN CERVEXA

O próximo  domingo 31  de maio, discorrerá no Terra un obradoiro de cervexa impartido por Elias Sixto e Miguel Soto.
Estos compañeiros de San Sadurniño comezaron a elaborar cervexa mercando un kit básico cos ingredentes xa listos para botar na pota. Porén, a medida que foron collendo experiencia, atreveronse con combinacións de lúpulos, cebadas, temperaturas e tempos de fermentación ata acadar un produto co que gañaron  o 1º premio en cervexas de estilo xermano e 3º absoluto no "III Concurso de El jardín del Lúpulo" 2015, 1º premio do concurso de cervexeros caseiros no "Asturies beer festival 2014" e o 3º premio de cervexas de estilo xermano no "II Concurso do blogue "El jardín del lúpulo".
O obradoiro dará comezo ás 16.00 hr, e durante catro horas aprenderemos, cunhas sinxelas ferramentas, a facer cervexa a partir de malta, lúpulo e auga.
Elias e Miguel tamén nos aprenderán un pouco mais sobre os distintos tipos de cervexa e das suas caraterísticas principais así como unha chea de anécdotas deste mundo.
O obradoiro ten un prezo de inscrición de 5 euros.

domingo, 17 de maio de 2015

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Ela sempre estivo aí: nos arrolos das nais nas tardes de inverno, no cantar miudiño da noite de San Xoán, acariñando as ondas nas mañás do verán, nos tristes velorios cando a luz se apaga, nos contos de inverno arredor do lar, … Agasalláronnola @s nos@s avoas/ós, a elas/es as súas avoas, déronnos un tesouro confiando na nosa responsabilidade e gratitude, …, hoxe ela está doente, …, non soubemos facelo, non soubemos coidar o noso ben máis prezado: a nosa lígua.
Neste país onde todo pasa de vagar, hoxe temos présa, pensamos que xa é hora de actuar, de sacar a nosa língua fóra, a todas partes, romper barreiras autoimpostas e facer o esforzo de non mudar ante as presións sociais. Non é un reto doado, máis é preciso, precisamos pór a lingua aí onde non está, e así, tender mans, dar a oportunidade de escoitala a tod@s aqueles e aquelas que non teñen outras. A nosa lingua precísanos para non ser extranxeira na súa patria, presumamos dela, paseémola, cantémola, …, agora somos imprescidibeis para o seu rexurdimento, como un día o foi Rosalía.
Fagamos un exército de linguas azuis falangueiras e contaxiosas, alegres e irónicas, simpáticas, altruistas e intelixentes, que pouse no ar as palabras galegas.
Na nosa lingua suamos máis, presume dela. Non deixes que esbaeza, espértaa.

17 de maio 2015. Día das Letrs Galegas.