terça-feira, 26 de maio de 2015

FESTIVAL APOIO AO POVO NEPALÍ

Diversos colectivos sociais, culturais e deportivos da vila, a asociación de comerciantes UCOA e numerosas persoas a título particular, programamos para o vindeiro venres 29 de maio un festival solidario no que se recadarán fondos para a ONG Dididai, que traballa nun orfanato en Katmandú
O certame, que se celebrará dende as catro da tarde na praza do Conde, comezará con obradoiros encamiñados a dar a coñecer instrumentos musicais menos habituais, como as tarrañolas ou o birimbao. Tamén haberá tempo para instrumentos máis recoñecidos e mesmo non faltarán os ritmos de batucada, que darán paso a unha sucesión de concertos nos que xa hai confirmados once grupos de distintos estilos, como Cantareiras de Orballo,  Airiños do Eume, Huella, The Pyjamas, Tributo a Maná, Debosses, a Diestro y Siniestro, Superglú, Rueda Fortuna, Big Band Theory e a Nepal Band, formada para a ocasión.Durante os concertos poderemos disfrutar dunha paellada popular. Implicáronse tamén nesta iniciativa solidaria numerosos comercios da vila, aportando diversos productos dos seus escaparates para que se faga un sorteo durante os descansos dos concertos, nos que ademais varios artistas subastarán obras da súa autoría.
O que se recade durante o festival destinarase de xeito íntegro á ONG Dididai, que traballa no orfanato de Bal Mandir, en Katmandú, o centro de acollida máis grande do Nepal que quedou parcialmente derruido tralo tremor de terra que asolou o país o 25 de abril. Alí atenden a nenas e nenos desfavorecidos, especialmente a aqueles que teñen algún tipo de diversidade funcional.

quinta-feira, 21 de maio de 2015

ALDAOLADO CON "SEMPRE EN IBIZA"

Non podedes perder o novo traballo de Aldalao o sábado 30  ás 21:00 no Terra!!!
“Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético  de María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

segunda-feira, 18 de maio de 2015

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN CERVEXA

O próximo  domingo 31  de maio, discorrerá no Terra un obradoiro de cervexa impartido por Elias Sixto e Miguel Soto.
Estos compañeiros de San Sadurniño comezaron a elaborar cervexa mercando un kit básico cos ingredentes xa listos para botar na pota. Porén, a medida que foron collendo experiencia, atreveronse con combinacións de lúpulos, cebadas, temperaturas e tempos de fermentación ata acadar un produto co que gañaron  o 1º premio en cervexas de estilo xermano e 3º absoluto no "III Concurso de El jardín del Lúpulo" 2015, 1º premio do concurso de cervexeros caseiros no "Asturies beer festival 2014" e o 3º premio de cervexas de estilo xermano no "II Concurso do blogue "El jardín del lúpulo".
O obradoiro dará comezo ás 16.00 hr, e durante catro horas aprenderemos, cunhas sinxelas ferramentas, a facer cervexa a partir de malta, lúpulo e auga.
Elias e Miguel tamén nos aprenderán un pouco mais sobre os distintos tipos de cervexa e das suas caraterísticas principais así como unha chea de anécdotas deste mundo.
O obradoiro ten un prezo de inscrición de 5 euros.

domingo, 17 de maio de 2015

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Ela sempre estivo aí: nos arrolos das nais nas tardes de inverno, no cantar miudiño da noite de San Xoán, acariñando as ondas nas mañás do verán, nos tristes velorios cando a luz se apaga, nos contos de inverno arredor do lar, … Agasalláronnola @s nos@s avoas/ós, a elas/es as súas avoas, déronnos un tesouro confiando na nosa responsabilidade e gratitude, …, hoxe ela está doente, …, non soubemos facelo, non soubemos coidar o noso ben máis prezado: a nosa lígua.
Neste país onde todo pasa de vagar, hoxe temos présa, pensamos que xa é hora de actuar, de sacar a nosa língua fóra, a todas partes, romper barreiras autoimpostas e facer o esforzo de non mudar ante as presións sociais. Non é un reto doado, máis é preciso, precisamos pór a lingua aí onde non está, e así, tender mans, dar a oportunidade de escoitala a tod@s aqueles e aquelas que non teñen outras. A nosa lingua precísanos para non ser extranxeira na súa patria, presumamos dela, paseémola, cantémola, …, agora somos imprescidibeis para o seu rexurdimento, como un día o foi Rosalía.
Fagamos un exército de linguas azuis falangueiras e contaxiosas, alegres e irónicas, simpáticas, altruistas e intelixentes, que pouse no ar as palabras galegas.
Na nosa lingua suamos máis, presume dela. Non deixes que esbaeza, espértaa.

17 de maio 2015. Día das Letrs Galegas.