quinta-feira, 10 de março de 2016

OBRADOIRO DE BAILE

Música e baile coma expresións culturais dun pobo. O baile é a nosa tradición, reflexo da nosa historia, unha linguaxe universal. Dende tempos inmemoriais existe o baile tradicional coma manifestación artística propia do noso pobo. Hoxe en día son varias as agrupacións da bisbarra que tentan colaborar na súa difusión e conservación, coma o caso de Airiños do Eume. Desta volta programamos conxuntamente un obradoiro de iniciación ao baile tradicional. Será este sábado 12 de marzo no local do Colectivo Terra (Boa Vista, 8), dende as 18:00 horas e terá unha duración de tres horas. Haberá música en directo e o custo será de 10 euros por persoa. Está encamiñado a tódolos públicos dende os 12 anos. 
Para apuntarte ponte en contacto co número 696 555 997 ou no correo colectivoterra@gmail.com.
Non o podedes perder! Agardamos verte!

quarta-feira, 2 de março de 2016

PEQUEMÚSICAS DO TERRA

Pequemúsicas de grandes artistas da Terra, con este novo ciclo organizado polo Colectivo Terra en colaboración con Semente Trasancos, queremos que gocedes, bailedes e cantedes na nosa lingua c@s vos@s cativos e cativas.
Comezamos este domingo 6 de Marzo na Sala Coliseo de Pontedeume, cun dos mellores compositores do país, Magín Blanco, autor de “A nena e o grilo”, “A nena e o grilo nun barquiño”, “Gatuxo” e “Canta o cuco” coa grande Uxía Senlle, entre outros, é un dos nosos autores máis prolíficos e mellor valorados. Aquí xoga na casa, posto que ven acompañado dunha Eumesa moi coñecida, María Faltri e  polo músico Jorge Juncal.
Non volo perdades!!!!

quarta-feira, 17 de fevereiro de 2016

NOVA GASTROFESTA

Continuamos coas Gastrofestas do Terra, unha actividade onde a música e a comida do País son as protagonistas. 
O caldo non é unha simple receita dun prato típico. A súa historia é a do pobo galego. Na terra dos minifundios onde durante séculos padecimos unha pobreza xeralizada, sempre se combateu a fame con caldo. Na casa do pobre facíase a base de patacas, fabas, grelos e unto, productos doados de conseguir para quen podía manter un pedaciño de horta. Pura melodía nestes tempos de friaxe. Será unha noite onde queceremos corpo e espírito. A música virá da man de Sofía Espiñeira, que encherá o local cos acordes do seu disco "Alá onde agroman as herbas", unha auténtica obra de arte. 
Agardamos por vos no local do Colectivo Terra (Boa Vista, 8 - Pontedeume) o sábado 20 de febreiro ás oito e media da tarde. Abriremos as portas ás oito e a que non queira caldo, cunca e media! Entrada de balde

quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

GASTROFESTAS NO TERRA




O Colectivo Terra presenta un novo ciclo de actividades onde a comida e a música serán as protagonistas. Iniciamos así unha serie de concertos cun trasfondo gastronómico onde degustaremos as receitas máis tradicionais da nosa cociña ao tempo que desfrutamos da música do País.
Nesta primeira xornada os protagonistas nons fogóns serán os callos, símbolo gastronómico das nosas festas e o exemplo máis claro e rotundo de que, por moitas prédicas globalizadoras que se fagan en prol da dieta mediterránea, non che hai patrón en Galiza que non comece cunha boa cunca de callos. Pero antes, os encargados de encher de son o local do Terra serán SANJURJO & DOPICO, apoteósico dueto formado por Martín Sanjurjo (Saraibas, Balakandra) e Manolo Dopico (A Roda, Leixaprén, Balakandra), unindo forzas neste novo proxecto acústico, no que revisitan cancións das súas bandas e versionan clásicos que xa forman parte da historia da canción galega.
Sábado 23 de xaneiro. Apertura de portas 20:00h. Concerto 20:30h.