Desde o Colectivo Terra de Pontedeume, queremos denunciar a actitude de menosprezo por parte do Goberno Municipal cara o tecido social e cultural eumés en xeral, pero nomeadamente no tocante aos grupos musicais do noso concello, ao non ter cabida na programación dos festexos das Peras 2011 ningunha das numerosas e variabeis en canto a estilo, formacións musicais de que dispoñemos, algunhas delas de contrastado prestixio e sona. Isto pese ao alto custe da partida que se gastará en orquestras, nun ano que debería ser de contención do gasto, tendo en conta o informe do ano 2010 no que o endebedamento das arcas municipais supera as peores expectativas.
Mais parece ser que a política cultural desta equipa de goberno, non debe ter como obxectivo a promoción da cultura producida polos/as nosos/as artistas, nin da contención do gasto, contratando en casa sen por iso baixar en calidade, máis ben debe ser, que se así o fixeran os seus xefes
en Génova poderianos acusar de que fixeron unhas festas “Demasiado Gallegas”, e por esta razón prefiren coa subvención da Consellería de Cultura Galega, contratar un grupo de Granada no canto de varios grupos eumeses e galegos. E con isto, para que non se nos mal interprete, non pretendemos negarlle calidade a este grupo granadino, nin por suposto vetar que veñan grupos de fóra a tocar a nosa terra, xa que opinamos que isto sempre enriquece culturalmente, mais si que nos parece irrisorio cando as axudas aos nosos grupos son ridículas ou sinxelamente non existen. Sen máis, dicir que dende o Colectivo Terra estamos por unhas festas populares que servan de escaparate e promoción da nosa cultura, tanto a nivel local como nacional.