O próximo venres 6 de marzo ás 19:30 no no Salón de Plenos do
Concello de Mugardos, Aurora Marco falará sobre “As mulleres na
guerrilla antifranquista galega” e posteriormente será proxectado
o documentario “As silenciadas” dirixido por Pablo Ces. Esta
actividade pecha o ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo
Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez
Leira "Pancho".
A
investigación de Aurora Marco plásmase no libro
Mulleres na guerrilla antifranquista galega,
editado Laiovento, no que se recolle a historia de máis de 200
guerrilleiras. O traballo serviu tamén de base para o documentario
As silenciadas,
centrado en seis desas loitadoras antifranquistas. O filme, dirixido
por Pablo Ces, acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia
Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa
Coloma de Gramenet.
Coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en
1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista
foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en
campos de concentración; tiveron que partir cara ao exilio nunha
viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa
é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta
de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa
condición feminina.
A represión, que adoptou diversas facianas, foi especialmente cruel
coas mulleres, mais as dimensións e a ferocidade dos métodos
utilizados coas guerrilleiras foi brutal. Para elas durante moitos
anos só houbo silencio, esquecemento e tortura moral, ao facelas
pasar non só como bandoleiras, igual que os seus compañeiros de
loita, senón tamén como as "queridas", as amantes dos
guerrilleiros. Por iso recuperar os seus nomes, a súa voz, a súa
actividade como guerrilleiras do monte ou da chaira significa darlles
existencia e desvendar o papel que tiveron na resistencia
antifranquista. E é, tamén, unha forma de homenaxealas porque,
malia as múltiplas negacións, a súa verdade histórica non se pode
nin se debe esquecer.
Para
máis información: 639 28 82 63
http://panchoguerrilleiro.wordpress.com