domingo, 24 de julho de 2011

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: O BOSQUE OBSÉRVATE

Dende o domingo 24 de Xullo na subida ó Mosteiro de Caaveiro.

Esta exposición nace coa idea de chamar a atención do visitante ás Fragas do Eume para que entenda a súa vulnerabilidade ante a acción humana.

Quere transmitir a idea de que a Fraga, casi como un ente consciente, está pendente, vixiante, tomando nota de cada acción que emprendemos nela.

E non sería raro, tendo en conta as múltiples agresións que está a sofrer pola nosa parte.

Se a Fraga, como ecosistema complexo que é, fora un ser consciente estaría totalmente alerta e preparada para se defender.

Sentiríase invadida polos eucaliptos, que a van cercando pouco a pouco, até tal punto que nos últimos 50 anos o espazo ocupado por estas árbores triplicouse no Parque Natural, pasando de ocupar o 6,9 % da súa superficie ao 20% actual.


Expoliada pola extracción de auga do Eume por parte de Endesa para encher con ela o inmenso oco (de 865 ha) que se creou coa extracción de lignito para a central térmica de As Pontes.

Preocupada por si unha vez enchido ese oco, o illamento mediante arxila dos seus fondos (ricos en pirita, un material que acidifica o auga dificultando a vida nela) non é suficiente para evitar a contaminación das augas do Eume en épocas de intensas choivas, xa que se rebosa o lago artificial, o caudal sobrante canalizarase a este precioso río.

Expectante ante a posible construción, por parte de Picobello Andalucita, SL, dunha mina de andalucita a 50 metros do Parque Natural, que de se construír afectaría a unha zona de grande riqueza natural que foi proposta como ampliación da Rede Natura, arrasará unha fraga autóctona de 25 hectáreas que se levanta sobre o xacemento e destruiría ou afectaría gravemente a varios cauces, entre os que está o Belelle, un dos ríos máis limpos de Galiza e que abastece de agua a varias poboacións humanas.


Vixiante para que o Eume non volva sofrer ningunha agresión semellante á ocorrida en 2008, durante as obras da autovía Ferrol-Vilalba, na que apareceron mortas centos de troitas. Un desastre ecolóxico provocado pola contaminación das súas augas con materiais ácidos do chan, que chegaron arrastrados pola auga de choiva, procedentes dos desmontes da mencionada obra.

Máis que cansa, ante os continuos verquidos de lignito, a desecación de parte do seu cauce e a chuvia ácida que leva anos sofrendo pola actuación de Endesa, empresa propietaria da cercana central térmica das Pontes, unha das máis contaminantes de Europa.

Temerosa pola pretensión de Endesa de empregar o Eume como vertedoiro dos lodos contaminados retidos no embalse de “A Capela”…

Acosada, en definitiva, pola acción humana ilóxica, irracional e hipócrita, e necesitada de moitos outros ollos, os nosos, os da xente que nos preocupamos por ela, para que tamén esteamos ATENTOS, VIXIANTES, INFORMADOS e loitemos xuntos pola súa verdadeira conservación.


sexta-feira, 22 de julho de 2011

1ª FESTA DA PATRIA!

O venres 22 de Xullo celebramos a 1ª Festa da Patria na compaña dos grupos Ataque Escampe e Arenga.

Festa e lume!