terça-feira, 20 de janeiro de 2015

CONTINÚAN OS ACTOS DE HOMENAXE A PANCHO

"Pancho en primeira persoa", mesa redonda coordinada polo historiador Bernardo Maiz con testemuñas directas que coñeceron o último guerrilleiro
 
   O Ateneo Eumés e o Colectivo Terra continúamos cos actos no 60 cabodano de Martínez Leira"Pancho". O próximo venres 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, Bernardo Maiz coordina unha mesa redonda titulada "Pancho en primeira persoa". Nela xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente.

   Con esta mesa o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queremos achegarnos ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra unha familia leal á democracia e contra un pobo indomábel que apoiaba a loita pola liberdade que lideraba o Exército Guerrilleiro de Galiza.

   Algúns destes testemuños serán arrepiantes como o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha recente entrevista explicaba a situación familiar após o asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos".

   Outros testemuños explicarán o apoio popular que tiña a guerrilla. Rey Balbís, xefe da IV Agrupación, tiña ben claro que “as guerrillas sobreviviron grazas á coraxe dos seus homes e mulleres, mais sobre todo polo inmenso arraigo que tiñamos no pobo. Iso xerou un apoio sen o cal non poderiamos ter resistido. Non contabamos cunha xeografía que nos amparase, e habiamos de ter bases, puntos de apoio, enlaces, que involucraban a xentes do pobo: homes, mulleres e mesmo crianzas. Incluso había algún que outro cura que nos apoiaba. O pobo galego demostrou ser un pobo verdadeiramente valente, porque aquilo non era unha brincadeira: todo aquel que, dunha ou outra forma, nos apoiaba, estaba a se xogar a vida”.

   Os seguintes actos do ciclo “Pancho na memoria” serán o venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia de Carlos Méixome titulada "Represión e resistencia na Galiza" e durante a que será proxectado o documentario "A cidade da selva". E concluiremos as actos en homenaxe a Pancho o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos cunha conferencia de Aurora Marco que falará sobre "As mulleres na guerrilla" e será proxectado o documentario "Silenciadas".

   Para máis información: 639 28 82 63 http://panchoguerrilleiro.wordpress.com

segunda-feira, 19 de janeiro de 2015

PAULA CARBALLEIRA SÁBADO 24

Vivimos no país d@s contador@s de historias, e esta fin de semana no noso local temos o privilexio de contar cunha das grandes: Paula Carballeira. Actriz, escritora, guionista, …, e excepcional transmisora do noso, de historias que reflexan unha idiosincrasia propia.
Experta na arte de facer rir, sacaranos un sorriso ou fáranos rir a cachón, con ese humor dela, intelixente e persoal, co que nos fai cómplices de historias fantásticamente reais unhas veces, e realmente fantásticas outras.

Xa sabedes que rir é un hábito moi saudable, convidámosvos a pasar polo local o sábado24 ás oito da tarde. A entrada é de balde e pasaremos a gorra ao rematar a actuación.

quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

OBRADOIRO DE XABRÓN

Este obradoiro pretende aprendernos a facer o noso propio xabrón con de aceite usado, por unha parte (xabrón para limpar o fogar), e con aceite limpo pola outra (xabrón para o corpo).
No primeiro caso para darlle saida a un residuo problemático, e no segundo para evitar envases e productos innecesarios que poidan non ser saudables.
Material necesario (traer de casa):
- Un envase tipo iogurte ou botella (de plástico), para o molde
- Un pano, para manter quentiño o xabrón que nos levemos para casa
Material opcional (se non tedes non importa) :
- Aceite usado
Data: domingo 18 de xaneiro
Lugar: Colectivo Terra-Pontedeume (Boa Vista, 8, baixo)
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Inscripción: 676 029 049 

HOMENAXE A FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA "PANCHO"

O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizamos un amplo programa de actividades (conferencias, concertos, proxeccións) no 60 cabodano de Francisco Martínez Leira "Pancho". Os actos comezan este venres 16 de xaneiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia do prestixioso historiador Bernardo Maiz titulada "Pancho, o último guerrilleiro" e posteriormente terá lugar un concerto de Mini e Mero.
Martínez Leira "Pancho" naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954, hai agora 60 anos. O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés consideran a súa figura portadora de valores exemplares en calquera sociedade democrática. Foi solidario coa xente máis débil e máis necesitada. Defendeu a democracia, mesmo coas armas na man, tentando repoñer a legalidade constitucional republicana. Solidariedade, democracia e antifascismo son valores cidadáns nos que se asentan os países máis avanzados do noso entorno europeo e por iso mesmo son promocionados desde os centros de ensino e os medios de comunicación.
Cando Rey Balbís se exilia a Francia en 1951, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho acadou a categoría de mito. Por todos estes motivos o Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizan este amplo programa de actividades titulado "Pancho na memoria":

16 de xaneiro, conferencia de Bernardo Maiz "Pancho, o último guerrilleiro" e concerto de Mini e Mero ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).

23 de xaneiro, Bernardo Maiz presenta unha mesa redonda sobre testemuñas vivas titulada "Pancho en primeira persoa" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.
13 de febreiro, conferencia de Carlos Méixome "Represión e resistencia na Galiza" e proxección de "A cidade da selva" ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).

6 de marzo, conferencia de Aurora Marco "As mulleres na guerrilla" e proxección de "Silenciadas" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.