segunda-feira, 28 de dezembro de 2015

HOMENAGEM A PANCHO

O Colectivo Terra organiza unha homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”, heroe eumés da resistencia antifascista, que vai ter lugar o vindeiro xoves 31 de decembro ás 12:00 no cemiterio de Meá, Mugardos.
Francisco Martínez Leira “Pancho” naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954. Cando Rey Balbís se exilia a Francia, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho atinxiu a categoría de mito. O compromiso de máis de 600 guerrilleiros e de 5000 enlaces demostra que Galiza non era unha terra submisa nin adicta ao Réxime. A pesar de tentaren ocultar o mellor da nosa historia, non o conseguen.
Rematada a guerra, Pancho entrou como carpinteiro de grada na Construtora Naval de Ferrol. Participou na organización da primeira protesta obreira de Galiza despois do golpe de estado de 1936, que será coñecida como a Folga do Aceite. Incorporouse á guerrilla a comezos do 1948 por temor á onda de detencións masivas consecuencia do labor dun infiltrado policial nas redes clandestinas de Ferrolterra. Con el marcharon os mugardeses Juan Gallego Abeledo “O Buzo” e Manuel Bastida Franco “Choni”.
Pancho participou en toda canta acción desenvolveu a IVª Agrupación Pasionaria e o Partido Comunista: elaboración e distribución de propaganda, enfrontamentos armados nos que morreron dous falanxistas e tres gardas, caracterizados represores. Optando o PC pola anulación da guerrilla galega, en 1950 e 1951 Pancho rexeitou marchar a Francia e mantivo o seu activismo antifranquista: reparto de propaganda en abril, maio e outubro de 1952, 1953, 1954, asaltos a dereitistas, enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous ficaron feridos.
Nese tempo, sendo Pancho o último guerrilleiro activo, a presión policial sobre a pequena rede de enlaces que o axudaban era enorme, de xeito que entre 1953 e 1954 foron descubrindo os tobos nos que se agachaba. Foi ferido de gravidade na noite do 19 de outubro do 1954 en Cornido, A Faísca, Narón. Dous gardas civís disfrazados como xornaleiros estiveron a esperar por el e o 31 de decembro de 1954 dúas descargas de subfusil deron cabo á súa vida no lugar d’A Mediña, Ombre, Pontedeume.

quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

VEN O APALPADOR

O Apalpador sobreviviu na memoria dos habitantes máis anciáns das montañas do Courel, aillado de tradicións importadas, baseadas máis recentemente no materialismo e o consumismo. 
O Apalpador é un vello bonachón, de barbas vermellas e de oficio carboeiro. No Nadal, baixa das altas montañas ás aldeas para entrar sen facer ruido nos cuartos das máis pequenas. Despois de palparlles a barriguiña e comprobar que están ben mantidas, deséxalles que o vindeiro ano non pasen fame. Como agasallo de Nadal déixalles unha boa presa de castanas asadas. O Apalpador é home sabio e non ignora que houbo un tempo en Galiza no que a castana foi o sustento principal e alimento moi prezado, porque esta tradición que agora agroma con forza transpórtanos ao realismo máxico dunha terra rica en lendas, pero tamén a unha época de aillamento e miseria. O feito de que o Apalpador palpase as barrigas para comprobar se as crianzas estaban ben alimentadas fai pensar na escaseza de comida e nas duras condicións de vida da época. E precisamente iso é o que máis conmove, a emoción que espertaba o agasallo dunha simple presa de castanas, o valor que tiña algo tan esencial como a comida. 
Sabemos que estes días son de moito traballo para o Apalpador, pero fixo por nos visitar e estará no Colectivo Terra o vindeiro domingo 27 de decembro, onde fará un pequeno espectáculo de maxia e presentará ao grupo Palitroke, un serán de festas para crianzas e maiores.
A entrada é de balde e comezaremos ás 18:00h. Non faltedes!
Documental sobre a lenda do Apalpador elaborado pola Gentalha do Pichel:
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk

segunda-feira, 7 de dezembro de 2015

TREME A TERRA

Volve o Treme a Terra!!!
Despois duns anos de silencio, este ano volveremos a disfrutar do Festival Treme a Terra. 
Como sabedes, este festival tivera que deixarde realizarse polo boicot institucional ao que se viu sometido por parte do goberno do PP. Non sen dificultades,e cun formato diferente, este ano queremos poñer un primeiro chanzo a recuperación deste histórico festival que este ano cumple a súa XVI edición. 
Debido á precariedade económica non imos poder facelo no exterior, polo que teremos que gozar das artistas nun espazo pechado. Finalmente o recinto escollido foi a Sala Coliseo.
Esta edición quixemos facela en chave feminina e feminista. 
Comezaremos coa presentación do proxecto Fiadeiras e do seu traballo Machismos: de micro nada.Será ás 19:30  na mesma sala.
Despois da presentación e arredos das 21:00 comezaremos coa música. Tócalle abrir a Sofía Espiñeira, cantautora mugardesa que gañou o II Concurso decanción de autor en galego do concello de Teo.
A continuación subirán ao escenario Uxía e Narf que estarán acompañados de Luiz Caracol.
Pecharemos o concerto coa enerxía de The Tetas´Van
Agardámosvos no Coliseo o próximo sábado 12 de decembro!!!

terça-feira, 10 de novembro de 2015

UN CONTO AO REVÉS

O próximo domingo día 15 ás 18:00, estará no Terra a lambetada máis doce que está a facer as delicias de nen@s, Chuches Amil.
Un conto ao revés é o primeiro traballo para o público "pequeno" do músico e compositor coruñes Fran amil. Membro de grupos como Os Tres trebóns ou Ulträqäns, Fran mergúllase no universo infantil con este libro-cd. Unha xoia para grandes e pequen@s.

quarta-feira, 28 de outubro de 2015

VII XORNADAS MICOLÓCICAS E CONCERTO DE ABRENOITE NO TERRA




Programa das VII Xornadas micolóxicas:

Venres 30 de outubro
- 10:00 h. Pola mañá iremos a recolectar diferentes tipos de cogomelos para realizar a primeira exposición das xornadas. Saída dende a Casa da Estación- 17:30 h. Preparación da exposición e clasificación de cogomelos- 19:30 h. Introdución o mundo da micoloxía e visita guiada pola exposición
Sábado 31 de outubro
09:30 h. Saída a Serra do Forgoselo para calsificar cogomelos dende a Casa da Estación14:30 h. Xantar micolóxico no Bar Trasteiro17:00 h. Palestra a cargo de Jose María Costa Lago, "Das utilidades dos poliporos", Asociación Micolóxica PAN DE RAPOSO 
IntroduciónO término Poliporo é unha especie de caixón de xastre que da acollida a preto dun milleiro de especies de cogomelos que, ordenados en distintos xéneros, familias e ordes, constitúen unha sistemática tan complexa coma variable pola súa constante revisión. 
19:00 h. Palestra sobre a problemática do eucalipto
21:00 h. Concerto de ABRENOITE no local do Colectivo Terra

Domingo 1 de novembro

9:30 h. Ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume para clasificar cogomelos.
13:00 h. Xantar micolóxico no Restaurante Andarubel

CSO Casa da Estación (Avda. Ferrol, 71)
Colectivo Terra (Boa Vista, 8)

Máis información e inscricións no tlf. 669497621

unha aperta

quarta-feira, 2 de setembro de 2015

EXPO SOLIDARIA CO POBO NEPALÍ

 Despois do éxito do Festival solidario co Nepal que transcorreu en Pontedeume o 29 de Maio, dende o Colectivo Terra queremos seguir a apoiar co noso traballo a labor que a OND Dididai desenvolve en Katmandú. Desta vez, montando unha exposición solidaria do reporteiro Dani Arias. Nesta exposición, Dani amósanos unha serie de fotografías relizadas na súa viaxe a katmandú no 2011. 
   A exposición estará instalada no Bar Fubolín de Pontedeume ate finais de setembro, e as fotografías poderánse adquirir a un prezo de 50€ que (descontando o prezo da copia ) irán destinados íntegramente a ONG Dididai. 
  Deixámosvos cun texto do autor.
  Saúde.

   Cheguei a Kathmandu na primavera do 2011. Fíxeno despois de atravesar boa parte da India, sufrir unha folga de pilotos, facer 700 kilómetros extra por estradas, que en moitas ocasións, non semellaban estradas, e cruzar a moi caótica e cinematográfica fronteira entre a India e o Nepal.
Afortunadamente, o primeiro co que te agasalla Kathmandu (a partires de aquí, referireime sempre a ela en presente, coido que como unha maneira de reafirmala, precisamente ante todo o que lles está tocando vivir), é a súa paz e a armonía da súa xente. Máis alá do balbordo (ao fin e o cabo, é unha cidade asiática...), a atmósfera entre sagrada e medieval dos seus templos e pazos semella esvaecer allea ao tempo,chea, preguiceira e maxestuosa. E envólveo todo. E a todos. Aos milleiros de peregrinos que visitan o templo de Pasupatinath, aos saddus que se agrupan a carón del e viven nas suas covas, aos monxes, comerciantes, estudantes e nenos, ás familias que realizan cremacións nas beiras do río sagrado Bagmati as 24 horas do día, aos fieis que acoden, previa ascensión dos 300 chanzos, ao chamado “Templo dos macacos”, a estupa de maior antigüedade con máis de 2000 anos de historia, aos crentes que dan 108 voltas arredor da gran estupa para acumular méritos, e aos non crentes, á Kumari Devi ou nena/deusa vivinte, que puiden ver nun só intre case imaxinado (só sae do pazo un par de veces ao ano), ou á vendedora ambulante que subiu todas as escalinatas dun dos seus templos para agasallarme co seu sorriso, en troques do meu. Imposibel esquecer.
Absolutamente todo en Kathmandu evócame un algo lonxano e misterioso que, ao mesmo tempo, resulta familiar. Supoño que o segredo, claro, está nelas, nas persoas, cuxa pausa e tranquilidade nos envolve sen que apenas, nos decatemos diso.
Suavemente.
 Ogallá poidamos devolverlles, cando menos un anaco, de tantísima paz.
                                                       Dani Arias

domingo, 12 de julho de 2015

FESTA DA PATRIA

O Colectivo Terra organiza a Festa da Patria o vindeiro sábado 18 de xullo. Será no patio da Casa da Cultura de Pontedeume dende as 20:00h. 
Abriremos o serán coas historias do contacontos Celso Sanmartín. Coma el di, horas era que as nosas cabezas deixaran de ser, no pretender de alguén, secas cabezas, trofeos de caza, para ser cabezas que soporten o peso do ceo. Deseguido, Xurxo Souto presentará o seu libro Contos do Mar de Irlanda, onde rememoraremos mediante a música a épica dos mariñeiros galegos que máis aló do paralelo 48 percorreron os camiños do mar. Remataremos a sesión coa parte aínda máis festeira da noite, que será o concerto de Os Tres Trebóns, treboada bravú que axudará a queimalas brochetas galegas a base de zorza, raxo e chourizos que poderás desfrutar durante a festa.
A entrada é de balde, pero para facer máis doada a organización do evento, pedimos que te anotes no correo colectivoterra@gmail.com
Os temporais renden as súas colleitas na costa do país. Desta volta a creba foi unha estrela vermella. Saúde, Terra e Océano!

terça-feira, 30 de junho de 2015

O REINO MEDIEVAL DE GALIZA

Dende o Colectivo Terra queremos dar a coñecer unha parte moi importante da nosa historia negada, silenciada, desprezada,... pola historiografía española. Que Galiza tivo leis antes que Castela Reis é un feito ainda descoñecido para gran parte do noso pobo, así como que o Reino (Suevo) da Galiza é considerado por moit@s historiadoras/es com o primeiro reino europeo.
Para intentar aportar máis luz sobre a nosa historia, o próximo sábado 4 de Xullo Anselmo López Carreira impartirá ás 12:00 na Casa da cultura unha charla sobre o "Reino  medieval da Galiza".

quarta-feira, 3 de junho de 2015

PRESENTACIÓN NO TERRA

Este venres 5 de xunho ás 20:30hs, @s compañeir@s de Unión Libertaria presentarán no local a tradución ao galego das obras de Errico Malatesta "Fra contadini" ("Entre campesiños") e "Al caffè" ("No café").

terça-feira, 26 de maio de 2015

FESTIVAL APOIO AO POVO NEPALÍ

Diversos colectivos sociais, culturais e deportivos da vila, a asociación de comerciantes UCOA e numerosas persoas a título particular, programamos para o vindeiro venres 29 de maio un festival solidario no que se recadarán fondos para a ONG Dididai, que traballa nun orfanato en Katmandú
O certame, que se celebrará dende as catro da tarde na praza do Conde, comezará con obradoiros encamiñados a dar a coñecer instrumentos musicais menos habituais, como as tarrañolas ou o birimbao. Tamén haberá tempo para instrumentos máis recoñecidos e mesmo non faltarán os ritmos de batucada, que darán paso a unha sucesión de concertos nos que xa hai confirmados once grupos de distintos estilos, como Cantareiras de Orballo,  Airiños do Eume, Huella, The Pyjamas, Tributo a Maná, Debosses, a Diestro y Siniestro, Superglú, Rueda Fortuna, Big Band Theory e a Nepal Band, formada para a ocasión.Durante os concertos poderemos disfrutar dunha paellada popular. Implicáronse tamén nesta iniciativa solidaria numerosos comercios da vila, aportando diversos productos dos seus escaparates para que se faga un sorteo durante os descansos dos concertos, nos que ademais varios artistas subastarán obras da súa autoría.
O que se recade durante o festival destinarase de xeito íntegro á ONG Dididai, que traballa no orfanato de Bal Mandir, en Katmandú, o centro de acollida máis grande do Nepal que quedou parcialmente derruido tralo tremor de terra que asolou o país o 25 de abril. Alí atenden a nenas e nenos desfavorecidos, especialmente a aqueles que teñen algún tipo de diversidade funcional.

quinta-feira, 21 de maio de 2015

ALDAOLADO CON "SEMPRE EN IBIZA"

Non podedes perder o novo traballo de Aldalao o sábado 30  ás 21:00 no Terra!!!
“Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético  de María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

segunda-feira, 18 de maio de 2015

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN CERVEXA

O próximo  domingo 31  de maio, discorrerá no Terra un obradoiro de cervexa impartido por Elias Sixto e Miguel Soto.
Estos compañeiros de San Sadurniño comezaron a elaborar cervexa mercando un kit básico cos ingredentes xa listos para botar na pota. Porén, a medida que foron collendo experiencia, atreveronse con combinacións de lúpulos, cebadas, temperaturas e tempos de fermentación ata acadar un produto co que gañaron  o 1º premio en cervexas de estilo xermano e 3º absoluto no "III Concurso de El jardín del Lúpulo" 2015, 1º premio do concurso de cervexeros caseiros no "Asturies beer festival 2014" e o 3º premio de cervexas de estilo xermano no "II Concurso do blogue "El jardín del lúpulo".
O obradoiro dará comezo ás 16.00 hr, e durante catro horas aprenderemos, cunhas sinxelas ferramentas, a facer cervexa a partir de malta, lúpulo e auga.
Elias e Miguel tamén nos aprenderán un pouco mais sobre os distintos tipos de cervexa e das suas caraterísticas principais así como unha chea de anécdotas deste mundo.
O obradoiro ten un prezo de inscrición de 5 euros.

domingo, 17 de maio de 2015

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Ela sempre estivo aí: nos arrolos das nais nas tardes de inverno, no cantar miudiño da noite de San Xoán, acariñando as ondas nas mañás do verán, nos tristes velorios cando a luz se apaga, nos contos de inverno arredor do lar, … Agasalláronnola @s nos@s avoas/ós, a elas/es as súas avoas, déronnos un tesouro confiando na nosa responsabilidade e gratitude, …, hoxe ela está doente, …, non soubemos facelo, non soubemos coidar o noso ben máis prezado: a nosa lígua.
Neste país onde todo pasa de vagar, hoxe temos présa, pensamos que xa é hora de actuar, de sacar a nosa língua fóra, a todas partes, romper barreiras autoimpostas e facer o esforzo de non mudar ante as presións sociais. Non é un reto doado, máis é preciso, precisamos pór a lingua aí onde non está, e así, tender mans, dar a oportunidade de escoitala a tod@s aqueles e aquelas que non teñen outras. A nosa lingua precísanos para non ser extranxeira na súa patria, presumamos dela, paseémola, cantémola, …, agora somos imprescidibeis para o seu rexurdimento, como un día o foi Rosalía.
Fagamos un exército de linguas azuis falangueiras e contaxiosas, alegres e irónicas, simpáticas, altruistas e intelixentes, que pouse no ar as palabras galegas.
Na nosa lingua suamos máis, presume dela. Non deixes que esbaeza, espértaa.

17 de maio 2015. Día das Letrs Galegas.


quarta-feira, 13 de maio de 2015

DÍA DAS LETRAS


Dende o Colectivo Terra queremos celebrar o día das nosas Letras realizando unha concentración en homenaxe a nosa máis ilustre escritora na Praza Rosalía de Castro. Para facilitar a asistencia ás mobilizacións do domingo nas cidades, en Pontedeume realizaremos esta concentración o sábado 16 ás 12:00
Abrirá o acto unha persoa do Colectivo. A continuación intervirá Antonio Fraga. Despois as persoas que o desexan poderán recitar algún poema de Rosalía. Para rematar faremos unha ofrenda floral e interpretaremos o Himno.
Animámosvos a tod@s a participar neste acto lúdico-reivindicativo.
En Pontedeume, en galego!
Na Galiza, en galego!

segunda-feira, 4 de maio de 2015

ESTREA DE "#OLIGOPOLIOFF" NO TERRA


  O próximo mércores día 6 de maio  ás 19:00 presentaremos no noso local o documentario " #OligopolyOFF comeza a revoluzón enerxética cidadá".
  Está escrito e dirixido por Alba del Campo e producido pola Plataforma
por un novo modelo enerxético.
  Sinopse: Preocupada polo tremendo aumento da pobreza enerxética no Estado español, as contínuas subidas das facturas da luz e o gas e os recortes ás renovables, a Plataforma por un Nuevo Modelo Energético presenta neste documental unha mirada da situación da enerxía que move este estado e dunha política enerxética hoxe hipotecada baixo os intereses das empresas do oligopolio enerxético fósil.
  Conscientes de que son estas empresas as que presionan aos sucesivos gobernos para asegurar os seus beneficios, en lugar de que se protexa o dereito á enerxía de toda a poboación, así como de emprender unha política enerxética sensata para evitar un cambio climático devastador, o propio título do documental é unha declaración de intencións: #OligopolyOFF.
 30 anos de compromisos insuficientes contra o cambio climático evidencian que non estamos ante un problema técnico ou tecnolóxico, senón ante o imperio dunhas compañías que, como di o cantante Kiko Veneno no documental, son capaces de destruír o planeta con tal de seguir sendo as súas propietarias.
  #OligopolyOFF divídese en tres capítulos. Viaxa desde o problema da pobreza enerxética, a través dos distintos conflitos que xera a actual política enerxética no territorio español, ás alternativas cidadás que están a traballar por avanzar na necesaria transición renovable e na democratización da enerxía. Ambas van da mao.
  As prospeccións de Canarias, o fracking, a construción dun cementerio nuclear en Villar de Cañas, Cuenca, os recortes ás renovables, o proxecto Castor en Castellón ou o regalo de 3.400 millóns ás eléctricas por parte do PP e do PSOE, puxeron a política enerxética sobre a mesa. E alí onde as empresas de hidrocarburos ven “oportunidades de negocio”, ou as eléctricas defenden os seus “beneficios lexítimos” a cidadanía ve como perigan a auga potable, a calidade da súa terra, o aire, o seu acceso á enerxía, o seu emprego, a viabilidade dos seus negocios… A luz sube para todas, mais para unhas máis que para outras.
  En #OligopolyOFF vemos como as loitas contra unha política enerxética destructiva convertiu a defensa do territorio en loitas pola dignidade dos pobos de todo o estado. A alternativa é clara, alí onde se berra petróleo NON, a aposta da cidadanía é: RENOVABLES SI.

  Todas estas loitas conflúen en #OligopolyOFF e enlázanse cun camiño non só desexable ou posible, senón que ademais é máis económico para as consumidoras. Si, é máis económico e isto hai que repetilo tantas
veces como faga falla, porque estas empresas invisten cantidades indecentes de diñeiro en facernos crer o contrario. E é que, como vai ser máis eficiente quentar a auga da ducha con gas que ven de 4.500km, que co sol e unha placa que estea a 5 metros da túa ducha?, pregunta Manel Rivero ao alumnado do instituto. “Encargáronse de vendernos un modelo que xera beneficios multimillonarios para unhas poucas empresas. Mais hai outros modelos”, engade.
  Por iso, o terceiro capítulo está dedicado a eses outros modelos, exemplos de cambio, de transición enerxética, nos que a cidadanía decide e é parte de cooperativas de consumidoras ou propietarias de empresas que xeran a electricidade ou a calor para a calefacción, cooperativas enerxéticas verdes, proxectos de autonomía enerxética renovable, proxectos de aforro a nivel municipal… Proxectos limpos nos que a enerxía está en mans da xente.

quinta-feira, 23 de abril de 2015

CARLOS MEIXIDE CON "NO PENSAR"

O próximo venres 24 de abril, Carlos Meixide representará no noso local o seu novo traballo No pensar... A obra comezará ás 20:30 é a entrada será de balde, pasarasé a gorra ao final da actuación.
Sinopse:
A poucos minutos dun discurso crucial ante a prensa, o presidente do goberno reflexiona acerca de distintos episodios da súa vida que nos axudarán a comprender coma alguén coma el puido chegar a presidente dun país de 45 milóns de habitantes. Porque todo ten unha explicación... 
NO PENSAR

quinta-feira, 9 de abril de 2015

BAILE 100% CON OS CEMPÉS

O Colectivo Terra de Pontedeume e Os Cempés convídanvos a gozar do Baile 100% e aprender de xeito sinxelo e divertido todos os pasos nun obradoiro guiado.
O Baile 100% terá lugar o Sábado 18 de abril de 2015 no 1º andar do Centro de Maiores na Avda. da Corunha, a partir das 19:30H.
Poderán participar persoas de todas as idades e sen experiencia. Pasodobles, valses, mazurcas, chotes, muiñeiras ou carballesas explicadas por un guía de baile nunha actividade na que a forma física non é importante, só as ganas de pasalo ben.
O Baile 100% son agarrados, soltos e bailes participativos en roda, divertidos e doados de aprender.
Horarios:
de 19:30h a 21h. Obradoiro de Baile.
de 21:00h a 21:45h. Descanso e merenda.
de 22:00h. a 23:30h (ou máis) Baile.
Ás persoas que asistades ao obradoiro + baile o Colectivo Terra convídanvos a unha saborosa merenda e recibiredes o agasallo dun CD de Os Cempés.
Músicos:
Antón Varela: Gaitas
Oscar Fernández: Zanfona e cavaquinho
Roberto Grandal: Acordeón
Serxio Cés: Canto, saxo, pandeireta, bombo e guía de baile
Colaboración:
Obradoiro: 5€
Baile 100%: 5€

segunda-feira, 23 de março de 2015

PRESENTACIÓN NOSA ENERXÍA

O próximo venres 27 de marzo ás 20:00, teremos no local a presentación de Nosa Enerxía
Nosa Enerxía é a primeira cooperativa galega que ten como obxecto a comercialización de enerxia eléctrica de orixe renovable certificada,apostando pola sustentabilidade enerxética e por unha xestión transparente. Nosa Enerxía ten un  funcionamento baseado no modelo cooperativo, isto significa que son unha organización participativa, aberta e xestionada de xeito democrático, onde todas as persoas cooperan para evolucionar cara unha sociedade máis equitativa e sustentábel.
A Cooperativa ten como horizonte a producción do 100% da enerxía que precisen, e para isto están a traballar na área de xeración onde formularán, estudarám a viabilide, executarán e administrarán os proxectos de xeración de enerxía renovable.
Na presentación poderedes plantexar todas as dúbidas que teñades sobre o modelo enerxético e cooparativo que impulsan dende Nosa Enerxía.

sexta-feira, 13 de março de 2015

CONCERTO ROGER DE FLOR

Sábado 14 ás 20:30 no noso local. Visitaranos o cantante de Limodre Roger de Flor . Presentaranos novos temas así como os máis clásicos do seu repertorio. Non podedes faltar a esta cita. A entrada será de balde e pasarase a gorra ao final da actuación.

quarta-feira, 11 de março de 2015

PALESTRA XESTIÓN DOS MONTES


venres 13 ás 20:00 na Casa da cultura, baixo o título "A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres ponentes tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,... Opcións, cultivos alternativos, exemplos reais, beneficios,... Ademais da situación das axudas, viabilidade económica,... Haberá tempo para o debate e tentarasé aclarar as diferentes dúbidas que xurdan.

segunda-feira, 2 de março de 2015

“MULLERES NA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA”, CON AURORA MARCO E PROXECCIÓN DE “AS SILENCIADAS”

  O próximo venres 6 de marzo ás 19:30 no no Salón de Plenos do Concello de Mugardos, Aurora Marco falará sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega” e posteriormente será proxectado o documentario “As silenciadas” dirixido por Pablo Ces. Esta actividade pecha o ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez Leira "Pancho".
  A investigación de Aurora Marco plásmase no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, editado Laiovento, no que se recolle a historia de máis de 200 guerrilleiras. O traballo serviu tamén de base para o documentario As silenciadas, centrado en seis desas loitadoras antifranquistas. O filme, dirixido por Pablo Ces, acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet.
  Coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara ao exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa condición feminina.
  A represión, que adoptou diversas facianas, foi especialmente cruel coas mulleres, mais as dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados coas guerrilleiras foi brutal. Para elas durante moitos anos só houbo silencio, esquecemento e tortura moral, ao facelas pasar non só como bandoleiras, igual que os seus compañeiros de loita, senón tamén como as "queridas", as amantes dos guerrilleiros. Por iso recuperar os seus nomes, a súa voz, a súa actividade como guerrilleiras do monte ou da chaira significa darlles existencia e desvendar o papel que tiveron na resistencia antifranquista. E é, tamén, unha forma de homenaxealas porque, malia as múltiplas negacións, a súa verdade histórica non se pode nin se debe esquecer.


  Para máis información: 639 28 82 63 http://panchoguerrilleiro.wordpress.com


segunda-feira, 23 de fevereiro de 2015

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

24 de febreiro de 2015. Dia de Rosalía.
Aniversario do seu nacemento.

Dúas palabras da autora.

Gardados estaban, ben podo dicir que para sempre, estes versos, e xustamente condenados pola súa propia índole á eterna olvidanza, cando, non sin verdadeira pena,vellos compromisos obrigáronme a xuritalos de présa e correndo, ordenalos e dalos áestampa. Non era esto, en verdade, o que eu quería, mais non houbo outro remedio;tuven que conformarme co duro das circunstancias que así o fixeron. «¡Vaian en boahora -lles dixen estonces-, estes probes enxendros da miña tristura; vaia antre os vivos o que xa é, pola súa propia natureza, cousa dunha morta ben morta!». E fóronse,sin que eu sepa para que, nin me faga falla o sabelo.

Máis de dez anos

quinta-feira, 12 de fevereiro de 2015

ENTRUIDO NO TERRA

Este domingo vem connosco a celebrar o Entruido!
No Coletivo Terra gostamos imenso do Entruido, nom queremos deixar passar a oportunidade de recuperar o espírito subversivo desta celebraçom. Um mundo patas para cima. Sem escravas. Sem patrons. Vêm ao Terra este domingo, trai o teu disfarce e lembra dar-lhe a volta aos roles!
Além de termos a festa de disfarces com música, trasnadas, paparota típica (orelhas, rosquilhas e filhoas), temos atividades para as mais peques da casa: ás 18:00 h., a genteDaboapipa vai-nos deleitar com o seu bom fazer. Depois faremos caroutas, pintaremo-nos e brincaremos.
Passa este domingo 15 às 17:30 e ajuda-nos a construir um outro mundo!

terça-feira, 10 de fevereiro de 2015

PALESTRA E DOCUMENTARIO POLO CICLO "PANCHO NA MEMORIA"

"Represión e resistencia en Galiza", conferencia de Carlos Méixome e proxección de “A cidade da selva”

O próximo venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume), Carlos Méixome falará sobre “Represión e resistencia en Galiza” e posteriormente será proxectado o documentario “A cidade da selva”. Esta actividade enmárcase no ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez Leira "Pancho".
Coa palestra de Carlos Méixome, profesor, historiador e director do Instituto de Estudos Miñoranos, queremos aproximarnos ao contexto global da represión franquista e á conseguinte resistencia do noso pobo. Vai ser o equipo arqueolóxico do Instituto de Estudos Miñoranos quen realice os traballos de exhumación desenvolvidos no cemiterio de Grandal (Vilarmaior) durante outubro de 2011 onde apareceron nunha fosa común cinco cadáveres vítimas do franquismo, entre eles o avó do ex-deputado do BNG Francisco Rodríguez.
"A cidade da selva" era o nome dun refuxio para os guerrilleiros antifranquistas ubicado no val de Casaio, na comarca de Valdeorras. Funcionaba como un cuartel onde a comezos dos anos corenta se realizou o Congreso da Selva. Este encontro reuniu máis dun cento de fuxidos de todas as comarcas de Galiza, incluída a do Bierzo. O documentario recolle, a través dos testemuños dos protagonistas, a historia da guerrilla e dos fuxidos. O filme abranxe desde os tempos da República até a morte do último guerrilleiro, no ano 1954, Francisco Martínez Leira. Aparece o testemuño de Juan “Anido”, enlace guerrilleiro de Mugardos e grande amigo de Pancho que sofreu seis anos de cadea en Burgos por defender a liberdade.
Pechará o ciclo “Pancho na memoria” a profesora Aurora Marco que falará sobre "As mulleres na guerrilla", ademais será proxectado o documentario "Silenciadas". Este actividade será o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos

Para máis información: 639 28 82 63 http://panchoguerrilleiro.wordpress.com


quinta-feira, 5 de fevereiro de 2015

Mani 8F








Este domingo 8 de fevereiro às 12 da manha na Alameda em Compostela vai-se celebrar umha manifestaçom na defesa da nossa língua convocada pola Plataforma Queremos Galego, à que se suma o Bloco Laranja. Num momento crítico para o nosso idioma, as ruas de Compostela vam-se encher num berro comum em prol da língua. A atual Junta da Galiza continua com as suas políticas etnocidas, com o seu extermínio planificado. A perda de falantes, de prestígio e de registos do galego é avassaladora. Mas nom imos desistir, imos plantar-lhe cara aos etnocidas, imos falar, pensar debater, aprender e luitar em galego hoje, este domingo e sempre, ainda que lhes pese: a nossa língua tem futuro enquanto nós luitemos por o construir. Nós, as que sonhamos em galego, estaremos ali. Desde o Colectivo Terra queremos animar-te a participar nesta convocatória. Unifiquemos as nossas forças num berro comum: Na Galiza em galego!!

terça-feira, 20 de janeiro de 2015

CONTINÚAN OS ACTOS DE HOMENAXE A PANCHO

"Pancho en primeira persoa", mesa redonda coordinada polo historiador Bernardo Maiz con testemuñas directas que coñeceron o último guerrilleiro
 
   O Ateneo Eumés e o Colectivo Terra continúamos cos actos no 60 cabodano de Martínez Leira"Pancho". O próximo venres 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, Bernardo Maiz coordina unha mesa redonda titulada "Pancho en primeira persoa". Nela xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente.

   Con esta mesa o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queremos achegarnos ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra unha familia leal á democracia e contra un pobo indomábel que apoiaba a loita pola liberdade que lideraba o Exército Guerrilleiro de Galiza.

   Algúns destes testemuños serán arrepiantes como o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha recente entrevista explicaba a situación familiar após o asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos".

   Outros testemuños explicarán o apoio popular que tiña a guerrilla. Rey Balbís, xefe da IV Agrupación, tiña ben claro que “as guerrillas sobreviviron grazas á coraxe dos seus homes e mulleres, mais sobre todo polo inmenso arraigo que tiñamos no pobo. Iso xerou un apoio sen o cal non poderiamos ter resistido. Non contabamos cunha xeografía que nos amparase, e habiamos de ter bases, puntos de apoio, enlaces, que involucraban a xentes do pobo: homes, mulleres e mesmo crianzas. Incluso había algún que outro cura que nos apoiaba. O pobo galego demostrou ser un pobo verdadeiramente valente, porque aquilo non era unha brincadeira: todo aquel que, dunha ou outra forma, nos apoiaba, estaba a se xogar a vida”.

   Os seguintes actos do ciclo “Pancho na memoria” serán o venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia de Carlos Méixome titulada "Represión e resistencia na Galiza" e durante a que será proxectado o documentario "A cidade da selva". E concluiremos as actos en homenaxe a Pancho o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos cunha conferencia de Aurora Marco que falará sobre "As mulleres na guerrilla" e será proxectado o documentario "Silenciadas".

   Para máis información: 639 28 82 63 http://panchoguerrilleiro.wordpress.com

segunda-feira, 19 de janeiro de 2015

PAULA CARBALLEIRA SÁBADO 24

Vivimos no país d@s contador@s de historias, e esta fin de semana no noso local temos o privilexio de contar cunha das grandes: Paula Carballeira. Actriz, escritora, guionista, …, e excepcional transmisora do noso, de historias que reflexan unha idiosincrasia propia.
Experta na arte de facer rir, sacaranos un sorriso ou fáranos rir a cachón, con ese humor dela, intelixente e persoal, co que nos fai cómplices de historias fantásticamente reais unhas veces, e realmente fantásticas outras.

Xa sabedes que rir é un hábito moi saudable, convidámosvos a pasar polo local o sábado24 ás oito da tarde. A entrada é de balde e pasaremos a gorra ao rematar a actuación.

quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

OBRADOIRO DE XABRÓN

Este obradoiro pretende aprendernos a facer o noso propio xabrón con de aceite usado, por unha parte (xabrón para limpar o fogar), e con aceite limpo pola outra (xabrón para o corpo).
No primeiro caso para darlle saida a un residuo problemático, e no segundo para evitar envases e productos innecesarios que poidan non ser saudables.
Material necesario (traer de casa):
- Un envase tipo iogurte ou botella (de plástico), para o molde
- Un pano, para manter quentiño o xabrón que nos levemos para casa
Material opcional (se non tedes non importa) :
- Aceite usado
Data: domingo 18 de xaneiro
Lugar: Colectivo Terra-Pontedeume (Boa Vista, 8, baixo)
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Inscripción: 676 029 049 

HOMENAXE A FRANCISCO MARTÍNEZ LEIRA "PANCHO"

O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizamos un amplo programa de actividades (conferencias, concertos, proxeccións) no 60 cabodano de Francisco Martínez Leira "Pancho". Os actos comezan este venres 16 de xaneiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia do prestixioso historiador Bernardo Maiz titulada "Pancho, o último guerrilleiro" e posteriormente terá lugar un concerto de Mini e Mero.
Martínez Leira "Pancho" naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954, hai agora 60 anos. O Colectivo Terra e o Ateneo Eumés consideran a súa figura portadora de valores exemplares en calquera sociedade democrática. Foi solidario coa xente máis débil e máis necesitada. Defendeu a democracia, mesmo coas armas na man, tentando repoñer a legalidade constitucional republicana. Solidariedade, democracia e antifascismo son valores cidadáns nos que se asentan os países máis avanzados do noso entorno europeo e por iso mesmo son promocionados desde os centros de ensino e os medios de comunicación.
Cando Rey Balbís se exilia a Francia en 1951, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho acadou a categoría de mito. Por todos estes motivos o Colectivo Terra e o Ateneo Eumés organizan este amplo programa de actividades titulado "Pancho na memoria":

16 de xaneiro, conferencia de Bernardo Maiz "Pancho, o último guerrilleiro" e concerto de Mini e Mero ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).

23 de xaneiro, Bernardo Maiz presenta unha mesa redonda sobre testemuñas vivas titulada "Pancho en primeira persoa" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.
13 de febreiro, conferencia de Carlos Méixome "Represión e resistencia na Galiza" e proxección de "A cidade da selva" ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume).

6 de marzo, conferencia de Aurora Marco "As mulleres na guerrilla" e proxección de "Silenciadas" ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.